• Razóns para sentirse orgulloso de Galicia.


    Entrar
  • Costaba o mesmo facelo ben.


    Entrar
  • Os lugares máis galegos do mundo.


    Entrar
  • Ti si que eres feismo.


    Entrar

En Portada

Marisqueo

MariscadorasHoxe, segundo sábado de Xuño, vou inaugurar unha fotogalería chamada «Marisqueo», cuio nome non precisa moita explicación. Son seis fótos bastante humildes (¡preciso unha cámara con zoom!) sobre esa actividade na praia de Cesantes. Interésame o marisqueo porque é unha demostración empírica das miñas dúas teses fundamentais sobre Galicia:

1ª Esta terra, a diferencia do que acontece noutros moitos lugares do mundo, está disposta a darnos canto precisemos con apenas agarimala un pouquiño. Cada iluminado, por chamarlle de algunha maneira, que promete grandes cambios para Galicia trae consigo a posibilidade de perder algún deses recursos. Aquí non hai que cambiar nada, o que debemos é aprender a conservar e aproveitar o que temos.

2ª Dos tópicos que identifican ós galegos, o máis falaz e perigoso é aquel segundo o cal os galegos somos egoístas e incapaces para a organización colectiva. Algún parvo sempre hai, qué lle imos facer, pero calquera que coñeza o xeito en que os nativos nos organizamos tradicionalmente para aproveitar os recursos do párrafo anterior saberá do que estou a falar. Facernos crer o contrario pode ser por pura ignorancia ou por puro interés.


A casa que comeu os cables.

Recoñezo que non son demasiado bo fotógrafo e ademáis teño unha cámara de xoguete (sen zoom), por iso se hai que esforzar un pouco para ver o que pretenden estas fotos, subidas ó fotoblog hoxe, segundo sábado de mes (alí vense máis grandes).


Trátase de unha casa construída no concello de Soutomaior, cuia fachada literalmente atrapou no formigón o tendido telefónico que por alí pasaba. Ver cómo os cables entran na casa por un lado e saen polo outro resultaría cómico, tal que de viñeta, se non dese medo, e explícome:


Todos tivemos na casa, algunha vez, un albanel capaz de cerebradas como buscar onde está picado un cable pasándolle a man sen cortar a corriente ou tapar os interruptores da luz cos llanos dunha parede (ambos casos verídicos e vistos con estes ollos). Un mal día teno calquera e, se lle cadra en luns pola mañán, igual trinca un feixe cables telefónicos co ladrillo como escorda unha man abrindo unha cervexa.


O grave non é iso senón que esa obra, igual que todas, debería estar supervisada por un aparellador e un arquitecto que cobran bastante máis que o oficial, e pola inspección urbanística do concello (está pegada a unha estrada importante, non vale a escusa de edificar de tapadillo). Se os técnicos e as administracións non cumplen coas súas obrigas, e permiten a chapuza, cando non a irregularidade, só podemos encomendarnos a que o oficial teña os menos días malos posibles... e a ver que pasa. Iso, ou darlle os honorarios do arquitecto ó albanel.


Casa Consistorial De Soutomaior

Este é o resultado da ampliación feita na Casa Consistorial de Soutomaior. Ninguén no seu sano xuício diría que esta cerebrada combina equilibradamente o clásico co moderno, e o máis preocupante é pensar que alguén cobrou uns cartos polo proxecto de este atentado contra o patrimonio.

A foto foi tomada a princpios de 2007, cando aínda quedaban algúns retoques por facer no exterior. Atención ós cableados da fachada, clásico da arquitectura galega contemporánea.

O resto das fotos en esta galería.


Praia Fluvial de Begonte.

Dispara non foi pensado como un fotoblog no que exhibir un talento fotográfico do que carezo, senon como un espacio no que ir plansmando a imaxe visual que eu teño de Galicia. Moitos dos descubrimentos máis fermosos que fixen na miña terra foron precedidos pola frase a ver que é iso, en resposta a algún discreto letreiro, no medio dos moitos que sinalizan os ramales e desvíos das principais estradas galegas. A veces son 50 metros, e a veces 15 Km, pero o normal é descubrir sitios que, coñecidos só polos lugareños, engaiolan e dan ganas de volver... ou nunca marchar.
Si algún dia circulan vostedes pola Nacional VI, fíxense nos ramais que hai no Concello de Begonte. Un ten un sinal que pon praia fluvial, e que os conducirá hasta o lugar que hoxe presento nesta nova galería. As fotos céntranse só no interese paisaxístico da zona, mais alí toparán unha área recreativa e deportiva, privada, pero aberta ó público de xeito gratuíto (eu nunca vin a ninguén cobrando). Situada á beira do río Ladra, afluente do Miño, está bastante ben integrada no entorno (non o típico golpe de feísmo), e é un lugar no que pasar unha estupenda tarde de lecer romántico, familiar, ou deportivo; e si é con boa compaña mellor. Todo gratis, e sin contratar viaxes a destinos exóticos. En Galicia.
Abofé que lles podería dar unhas indicacións moito máis concretas para atopar o sitio, pero ese non é o espíritu. Collan o coche, ou o que sexa, e pérdanse buscando. Estean seguros que darán con este sitio ou outro que lles guste máis.

Nota de 18/08/08: Corrixo o de todo gratis. Parece que, alomenos durante o verán, hai que pagar 1'50€ por persona para poder acceder a esta area recreativa e ter acceso a unha serie de servicios que os propietarios ofrecen.


Beirarrúas abortadas.

Para min, os concellos están na mesma categoría que os reloxios parados e os coitelos sen afiar: cousas que poderían resultar necesarias pero son inútiles. Os disparos desta galería, que hoxe presento, retratan un exemplo das causas que me levan a ter esta opinión das administracións locais, como son as beirarrúas atrancadas con postes e farolas. Na maioría dos casos, pódese pensar que solamente supoñen unha pequena incomodidade para os viandantes, forzados a pasar de lado ou facer un quiebro, pero quedan convidados a pensar para que lle sirven algunhas aceras destas fotos a unha persona que leve un carriño de bebe, ou peor aínda, a aquel que se desplace nunha cadeira de rodas. Moito temo que non lles sirvan para nada.
Entre as fotos, hai algunhas máis escandalosas que outras, pero quero determe a explicar tres en particular.

Na titulada Inútil do Burgo (Culleredo 01), a primeira, sae un poste que leva anos atrancando esa acera xusto nun sitio que se estreita. O máis gracioso é que o tal poste parece non servir para nada, sendo un legado do antigo tendido desa rúa, que agora xa non sostén. Fíxense na foto, e verán que efectivamente, o poste non sostén ningun cable. Solo estorba.
O resto son todas de Redondela. Paréceme importante Nunha beirarrúa nova Redondela 03, que é a cuarta, na que o poste non obstaculiza dramáticamente, pero chama a atención o feito de que a ninguén se lle ocurrira aproveitar unha recente remodelación para sacalo do medio e medio; de feito, esa columna ten un letreiro que alguén colgou para protestar, o cal inspirou esta galería (atención tamén ás sete arquetas en dez metros cadrados, outro clásico galego).
A segunda e terceira, teñen algo máis de delito. Resulta que, o ano pasado, acometeuse a humanización do centro da vila, ensanchando as aceras e prohibindo o estacionamento nas rúas principais. A obra non estivo exenta de polémica, por un lado estaban os defensores do dereito e necesidade de poder aparcar en calquera sitio, e polo outro os que apreciaban ampliar o espacio humano a costa de recortar o espacio dos coches. Uns e outros deixaron de enfrentarse cando apareceron esas xardineiras, porque todo o mundo está de acordo en que fai falta un grado moi elevado de estupidez para ensanchar unha beirarrúa e volvela achicar hasta o mesmo tamaño con semellantes mamotretos, que ademáis teñen o fondo de cemento, deixando un futuro incerto para as árbores que as ocupan (acacias e palmeiras algunas de elas, para peor gusto). Para colmo, existe algunha misteriosa razón pola que a xente se para a falar sempre onde están as macetas (véxanse as fotos), quedando o paso totalmente boicoteado.

Xulguen vostedes mesmos as outras fotos da galería.

Remato aclarando que a palabra acera, malia non sair no diccionario de galego, está empregada deliberadamente, para me descargar un pouco de beirarrúa, vocablo que detesto por parecer un invento rebuscado.
O segundo sábado de maio, outra galería.


Puidestes poñer arcén.

Sen arcen
Hoxe vou publicar no fotoblog unha soa foto, tomada na N-550 entre Redondela e Arcade, que seguramente representa bastante do que hai polas estradas de este país. O que vostede ve na imaxe é un tramo en pendiente, con dobre carril para o sentido ascendente e unha area de descanso que se fixo aproveitando a curva morta que quedou da calzada vella, hai uns anos, cando se reformou a estrada. Hasta ahí todo ben; agora un pouco de teoría rápida.
Os arcéns son un dos elementos que máis condicionan a seguridade de unha vía. Se un arcén é ancho, hai máis sitio para peatóns, ciclistas, vehículos especiais... e para deterse en caso de emerxencia ou de escapatoria ante calquera imprevisto. A veces é moi difícil ou imposible deixar un arcén xeneroso, por circunstancias do terreo, pola proximidade de edificios ou polo que sexa, ¡pero aquí xa estaba case feito! O terreo á dereita da foto, a area de descanso e esa franxa de terra que hai no medio, xa forma parte da estrada, só había que aterrar tres de metros máis, desplazar o centro da calzada, e deixar un estupendo e segurísimo arcén a cada lado.
Por certo, que paso ben decote por ese sitio, e non me percatara do que aquí estou a dicir hasta que pasei por ahí en bicicleta, pero diso xa falaremos outro día. ¿Saben vostedes de outros sitios nos que tería costado o mesmo facer a estrada un pouquiño máis segura?


O Monte da Peneda
Os lugares máis galegos do mundo debería ser un título suficientemente descriptivo do que esta categoría pretende ser, e o exemplo co que hoxe a inauguro vai ser abondo para entender por onde irán os tiros.
O monte da Peneda, ademáis de ser popularmente coñecido polos versos de Rosalía de Castro, entre outras referencias literarias, ben podería ser un botón de mostra para entender esta esquina do mapa chamada Galicia, por tres razóns.
O que podería ser. A paisaxe, o patrimonio e a historia fan da Peneda un lugar ben singular. O Atlántico, as Illas Cies, montes que xa pertencen a terras ourensás e quizás incluso portuguesas... é o grande espectáculo que nos abruma cando chegamos ó alto. (A eterna bruma que cubre esta ría é un obstáculo insalvable para a miña cámar de xoguete.) Hai que agardar un pouco e repoñerse, para acordar e mirar para abaixo, onde a desembocadura do rio Verdugo, a parte máis interior da Ría de Vigo, e a ensenada de San Simón se contemplan íntegramente como dende ningún outro lugar. Cara o leste o castelo de Soutomaior parece trobar baixo o balcón á capela, bonita e acompañada do cruceiro, rodeada de árbores e muros, escaleiras e outras canterías tradicionais nas que o gris combina co verde como si fose así concebido pola natureza. Ademáis, as capelas illadas teñen un encanto que lles está negado a outros edificios relixiosos ubicados en lugares máis habitados; a soidade dalles un aire misterioso, como si...
O que é. O monte da Peneda ardeu dúas veces nos últimos cinco anos. Así, mentres non chegamos ó alto, temos a sensación de viaxar por outro de tantos montes desertizados polo lume, como todos os de arredor, onde o mato trata de recuperar a cor natural da paraxe.
O anarquismo urbanístico que nos fai célebres polo mundo adiante tamén castiga a paisaxe, tanto de preto como ó lonxe, e o mamotreto de formigón que baliza a entrada de Peinador no  cumio veciño tampouco resulta unha presencia agradable.
A conservación da capela e o muro que cerra o recinto tamén son mellorables.
O que vai ser. Se queren disfrutar deste lugar tal e como é, apúrense. Parece ser que existe unha reivindicación histórica da cidade de Pontevedra (¿falaría alguén con ela?) para ter unha autovía directa coa meseta, sen pasar por Vigo, e vai ser satisfeita pola que se chamará Autovía A-57, unha obra colosal que atravesará os montes que dan cara a Peneda polo norte e leste, así como o val que forman Oitavén e Verdugo na súa confluencia no concello de Soutomaior.
Por si tiñan pensado dicir que pena, non o fagan aínda. A contestada Autovía Pontevedra-Vigo, en realidade un ramal occidental de esa A-57, vai pasar pola parte baixa da Peneda, e está previsto usar a ladeira de este monte como vertedeiro de terras sobrantes durante a obra.
Así é a Peneda, e así e Galicia. Un lugar ben fermoso, que acarrexa dende o pasado uns valores intemporais, cotizados á baixa no presente, pero que nos poden fascinar nunha viaxe cara nos mesmos o día que nos decidamos a facela. Antes de que sexa demasiado tarde.

A Férveda de Ramil.

Hoxe preséntolles unha galería de fotos tiradas na Férveda de Ramil, en Carballo. Un pequeno lugar de eses que se atopan agochados tras dun pequeno sinal nalgunha estrada, no que dar un paseo se lles cadra a pasar por alí, ou estar un tempo de relax sentados xunto á fervenza, nun lugar de eses que, desafortunadamente, estamos máis acostumbrados a ver en fotos que na realidade.

Xa saben cal é o meu consello: escollan unha boa compaña e pérdanse polo camiño; será a mellor maneira de que a viaxe sexa inesquencible.


A igrexa da miña parroquia.


Nesta galería, preséntolles a igrexa parroquial de San Román de Saxamonde, na cal recibimos a práctica totalidade dos sacramentos que temos os membros da miña familia. É unha igrexa como calquera outra, e o cemiterio, a verdade, é bastante feo, pero o ataque de feísmo que lles presento é o resultado da ampliación feita na N-550 vai alá para uns dez anos.
Non pretendo con isto criticar que se fixera esa obra, seguramente necesaria, pero si deixar constancia de que o resultado foi un conxunto arquitectónico feo, extremadamente feo, formado pola propia igrexa e o voladizo empregado para soster o carril lento en dirección Porriño, co que evitaron soterrar a igrexa, deixando unha varanda disuasoria (aínda que inútil) para aqueles que desexaran camiñar polo tellado, e creando unha especie de túnel lóbrego, primeira impresión recibida cando se chega ó noso igrexario.
Mezcladas, hai dúas imaxes da igrexa que omiten o atentado visual, coa fin de redimila un pouquiño.


Cunetas que alimentan.


Temos en Redondela un comercio de agro e xardín cuio amo (enxeñeiro técnico agrónomo) trae a veces algunha cousa exótica e, cando alguén cuestiona as súas posibilidades de desenrolo, él responde sempre: Señora, en Galicia se da de todo, fíjese que hasta nos damos los castellanos... Hai varios síntomas que atestiguan a extrema xenerosidade coa que a natureza galega acolle e desenvolve a vida a nosa terra. Un, o feito de que algunha das especies máis representativas da flora galega, como son a camelia, o eucalipto (por máis que pese) ou a pataca veñen dos puntos máis dispares da terra. Outro, o que recollo na pequena fotogalería de este mes, onde aparecen trigo, millo, e incluso un tomate que fun atopando nacidos nas cunetas das estradas, probablemente un dos lugares máis inhospitos do mundo.Non obstante, nas cunetas galegas, sen que ninguén o busque, nacen e medran plantas de esas que os humanos precisamos para vivir, mentres que noutros lugares da terra, incluso con todos os coidados do mundo, a agricultura e a subsistencia son tan precarias que rozan o milagre.


Pontecesures

Pontecesures é unha das vilas máis galegas do mundo, non porque teña algo que non teñan todas as demáis, senon precisamente por ter todo o que teñen as vilas galegas. Fíxense nesta foto, que é unha vista tomada dende a estrada N-550.

Pontecesures dende a N-550.
Vemos dúas casas vellas, unha de pedra á vista e a outra revestida, un edificio relixioso, unha casa actual pintada dun color chamativo, un edificio de catro alturas revestido en chapa ondulada, unha eira con viña, un terreo medio a monte e unha fábrica. O máis significativo, o que de verdade convirte a esta imaxe nunha das máis galegas do mundo é termos todo revolto. (A fábrica non está pegada á igrexa, senón que xa está do outro lado do río Ulla, e como non quixera parecer manipulador, aclaro estar falando de paisaxe.)
Iso é Pontecesures, e iso son todas as vilas desta terra: unha mestura apresurada de diferentes conceptos de asentamento humano, feita dende un pragmatismo e unha urxencia que relegan a identidade e a orde a un intento pola súa recuperación indefinidamente adiado. Iso é o que pretendo mostrar na galería de este segundo sábado de mes, porque, como dicen os ingleses «it's not much, but it's home».


Puidestes poñer arcén II.

¿Arcén? ¿Para qué?. Segundo sábado de mes, e volvo subir unha soa foto que se basta por sí mesma tomada apenas a uns metros da miña casa. Trátase dun paso subterráneo construído recientemente (aínda non está aberto ó tráfico) na estrada N-550 aquí, en Redondela, para evitar ter que cruzala nun treito de curvas bastante perigosas. De feito, ademáis de que ten habido épocas de sairse dous coches á semana (cousas de non saber peraltar as curvas), o ano pasado morreron dous peatóns en sendos accidentes. A idea de permeabilizar a estrada nesa zona é boa pero: 1º Sobre o gardarraíl «bionda» creo que xa non é preciso explicar que está fora de lugar seguir a instalalos. 2º ¿Por onde pasamos as persoas, a pe, en bici, ciclomotor, maquinaria agrícola, etcétera? Neste caso, non costaba o mesmo facelo ben, senon que podería chegar a custar menos se algún día un coche leva a unha persona por diante. Do Ministerio de Fomento e a Demarcación de Carreteras do Estado en Galicia, non podemos esperar nada (nada bo), pero tampouco de alcaldes, medios de comunicación e outros poderes que berran «¡infraestructuras!» contínuamente, esquecendo que en Galicia, entre outras cousas, vive xente.


Iria Flavia.

Iria Flavia

Volve a dinámica de subir unha nova galería o segundo sábado de mes ó fotoblog e hoxe tócalle a unha pequena reportaxe sobre Iria Flavia, que non está moi lonxe da xa tratada vila de Pontecesures. Este lugar vai na categoría de «razóns para sentirse orgulloso de Galicia» por canto ten de fermoso e de valor histórico, pero ben podería considerarse un dos «Lugares máis galegos do mundo» por tres protagonistas indiscutibles: a arquitectura relixiosa, a arquitectura civil e a morte. Dos dous primeiros, espero dar unha idea coas imaxes que subín, tanto do templo coma dos rueiros inmediatos e o entorno. Respecto da morte, a colección de sartegos e lápidas anexa á colexiata tende unha ponte no tempo co cemiterio actual, engalanado nos principios de novembro que tomei as fotos, e lémbranos, porque o estamos esquecendo, que en Galicia o mundo dos mortos está xunto ó dos vivos. Tamén é para sentirse orgulloso que en Galicia nacera un Premio Nobel de Literatura, Don Camilo Jose Cela, e a súa casa natal, así como sede da fundación que leva o seu nome, atópase xusto na outra beira da estrada, observada dende enfronte por un grande busto en bronce do escritor.


O Parque Fluvial do Río Barosa

Muíños.

Volta a rutina de publicar unha fotogalería cada segundo sábado de mes, esta vez con unha reportaxe sobre o parque fluvial do río Barosa, no concello de Barro, Pontevedra. Trátase dun lugar onde o río ten dous remansos separados por un desnivel considerable, que salva con unha fermosa férveda. Outrora, a enerxía da auga nese salto foi aprovetada para accionar un grupo de muíños que aínda se poden ver no lugar, con diferente estado de conservación. Actualmente, a paraxe está orientada ó esparcemento, con varios establecementos hostaleiros (que non desentonan estéticamente, detalle bastante importante) e un sendeiro que permite percorrer ambos lados da férveda.

As fotos foron tomadas entre as semanas máis chuviosas do inverno, e supoño que no verán río e férveda terán bastante menos auga, e bastante máis xente, que aproveita as pozas que se estancan nas rochas para se bañar. Sexa como sexa, un lugar deses que a nosa terra nos ofrece para reconfortarnos.


 DISPARA


 VISITANTES

Contactar

Recibir publicaciones

Guardar como favorito

Valora este fotoblog

Crea tu propio Fotoblog

 

 Ultimos artículos

10-06-09 MARISQUEO

07-05-09 O PARQUE FLUVIAL DO RíO BAROSA

14-03-09 A CASA QUE COMEU OS CABLES.

13-02-09 IRIA FLAVIA.

12-12-08 PUIDESTES POñER ARCéN II.